Videoconto

E velaquí o videoconto:

 

Advertisements

Destructor

Pois si, Javier é todo un campión e non se asustou cando a Bubela lle dixo que tiña que conseguir unha copa de campión. Tampouco lle ha ter medo ao malo ao malo da historia que crearon os rapaces do CEIP de Esteiro, Destructor, que acaba de marchar para Rio de Janeiro.

Si, nesta cidade brasileira é onde se celebran este ano os xogos olímpicos, pero xa é ben coñecida pola súa beleza. En Río de Janeiro falan portugués, polo que os galegos podemos entendernos facilmente con calquera carioca (así é como lles chaman aos habitantes desta cidade) ou brasileiro, podedes comprobalo facilmente escoitando esta canción da Galinha Pintadinha, un programa de televisión moi popular alá.

5

—Debes conseguir a copa de campión porque dentro dela está a chave de ouro para liberar os mellores competidores do mundo dun malo chamado Destructor, que quere coleccionar a todos os deportistas do mundo para destruílos un a un.

Javier chegou a Ferrol, colleu a chave de ouro e cando chegou á gorida de Destructor descubriu que marchara para Río de Janeiro.

A Mensaxe

Aquel día estaban os dous descansando ao pé dun camiño despois dunha longa carreira cando lles apareceu unha bubela. —Veño de Ferrol e traio unha mensaxe para ti, Javier —dixo.— Tes que ir nadando ata Ferrol coa túa amiga Raias, competir nun triatlón e gañar.

4

 

Os galegos ás veces, cando menos o esperamos, atopámonos con algún veciño en calquera lugar do mundo, é o que ten ser un poboo emigrante. Neste caso ese veciño estacionario que introduciu na nosa historia a rapazada do CEIP Cruceiro de Canido era unha bubela, un paxariño ben bonito que percorre milleiros de quilómetros todos os anos para invernar en África.

As viaxes que fan os paxaros son espectaculares e na nosa contorna podemos atopar tanto aves que se refuxian aquí no inverno (si, hai invernos peores), como as que veñen criar desde os lugares máis apartados.  E aquí en Ferrol temos lugares espectaculares para observar aves e moi cerquiña encontramos un sitio único en galicia, a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño. Se vos interesa o fascinante mundo das aves, tampouco deixedes de consultar esta páxina, centrada en Santiago de Compostela, pero que nos fala de aves que podemos atopar sen saír da cidade.

 

Raias

Foi nun deses adestramentos cando coñeceu a que había ser a súa amiga inseparable: Raias, unha cebra mediana e moi lista.

Adela Carrera Vergara

 

E na súa estadía en Sudáfrica, Javier, como non podía ser doutra maneira, fixo moitos amigos. Os rapaces do CEIP Ponzos contáronnos que sobre todo fixo boas migas cun animal moi especial: unha cebra moi intelixente!

Que sorte, verdade? Co bonitas e exóticas que son as cebras, ou igual non tanto… Porque non sei se sabedes que o nome deste animal vén do galego-portugués: hai moito tempo, no século XVI, na península ibérica había uns animais moi parecidos aos que lle chamaban así e os primeiros europeos que viron este animal a raias, alá polo sur de África, pensaron que era parente deste e puxéronlle o mesmo nome. Segundo din algúns, o topónimo O Cebreiro está motivado pola abundancia dos extintos cebros.

En fin, é unha mágoa que por aquí xa non haxa cebras, deberiamos conservar mellor a nosa diversidade e manter ecosistemas como o da sabana africana no que abundan todo tipo de animais. Aquí vos deixamos unha canción para que vos imaxinedes no medio das chairas africanas.

En Suráfrica

Xa temos protagonista e si, efectivamente, trátase de Javier Gómez Noya, o grande triatleta ferrolán. Se aínda non o coñeces, neste vídeo preséntase el mesmo e cóntanos como empezou con isto do triatlón. Con todo e iso, os rapaces do colexio Ludy quixeron que as súas aventuras comezasen ben lonxe de Ferrol, noutro continente, ou máis ben no máis afastado doutro continente: en Suráfrica.

Alí Gomez Noya aproveita a compañía dunha grande cantidade de animais, podedes ver moitos deles nesta ligazón, e sobre todo prepárase para os Xogos Olímpicos, o seu grande obxectivo. Podes saber un pouquiño máis deles aquí.

Pero non vos adiantamos máis cousas e poñemos directamente o anaco de conto que fixeron os rapaces do Colexio Ludy. O debuxo que o ilustra é da autoría de Oscar.

Siiiii! É Javier Gómez Noya! O grande triatleta galego!
O conto que vos imos contar comeza en Suráfrica, onde el estaba a adestrar para competir en Río, porque alí en Suráfrica ía calor, había moito espazo e podía correr campo a través, nadar nos ríos e nas lagoas, montar en bici por camiños longos, adestrar cos animais e relaxarse.

Óscar-1

O protagonista

 

Este ano o Conto Viaxeiro comeza no CPR Belén e, claro, coma en toda historia con xeito, o primeiro que precisamos son personaxes. Así que os rapaces do Belén puxéronse ao choio e describíronnos o protagonista do conto, que este ano vai ser especial… Pero, aínda que é unha persoa moi coñecida en Ferrol, non imos desvelar de momento de quen se trata, a ver se o adiviñades.

Segundo nos contan o personaxe principal naceu en Suiza, aínda que é un rapaz de Ferrol. Se cadra seus pais estiveron emigrados no país alpino coma moitos outros galegos, aquí tedes unha boa mostra. Agora mesmo vive a camiño entre Ferrol, a súa cidade, e Pontevedra, outra cidade galega (podes coñecela aquí cos bolechas). Parece que o protagonista deste ano é moi importante, porque xa gañou unha medalla de prata nas olimpíadas de Londres 2012 e vai ir a Río de Janeiro competir nas Olimpíadas de 2016. Quen será?

Se queredes ver como traballamos, aquí tedes as fotos da xornada e aquí todas as ilustracións que os rapaces do Belén fixeron da primeira sesión do conto. Vai o comezo:

Esta é a historia dun rapaz de Ferrol alto, delgado, de pelo e ollos castaños e moi guapo. É moi amable e boa xente. Gústalle facer deporte, pero non lle gusta que lle fagan trampas.
Corre moito, fai natación e tamén anda en bici. Participou nas Olimpíadas de Londres en 2012 e gañou unha medalla de prata. Tivo un problema de corazón e case ten que deixar o deporte, pero superouno e este ano vai participar nas Olimpíadas de Río de Janeiro. Xa adiviñastes quen é?

Alía López Pita-6